Wednesday 24 de April de 2024

Un roteiro teatralizado pola Pobra pechará os actos de homenaxe a García Martí promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago


Un dos referentes literarios da Pobra do Caramiñal é Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade, quen destacou principalmente pola súa faceta como escritor e xornalista. Por iso, a Asociación de Periodistas de Santiago (APSC/FAPE) desenvolveu ao longo deste 2022 unha serie de actos de homenaxe que se clausurarán na vila natal do intelectual. Coa colaboración da Administración local pobrense e o apoio do diversas entidades coma o Ateneo de Santiago, organízase para o 27 de agosto un roteiro teatralizado por lugares do núcleo urbano do municipio vinculados á súa traxectoria vital e profesional, que se efectuará tras unha recepción institucional ás persoas asociadas á sociedade xornalística.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto co presidente da referida institución xornalística, Luis Menéndez, e a técnica do Museo Valle-Inclán pobrense, Araceli Abad, explicaron que o percorrido partirá dende a casa consistorial, arredor das 12.30 horas, da man do actor Roberto Leal. Estará aberto a todo o público, sen necesidade de inscribirse con antelación. Ofértase así a posibilidade de coñecer máis de preto e cunha compoñente lúdico-formativa a figura dun veciño ilustre da Pobra.

Para facilita-lo acceso da cidadanía compostelá a esta cita, a referida asociación pon a disposición un autobús que unirá ámbolos concellos. Será preciso poñerse en contacto no teléfono 689686924.

A edil quixo agradecer este tipo de iniciativas que contribúen a visibilizar e divulga-la figura e legado dunha persoa que tanto aportou ao mundo da cultura dende diversas vertentes. Puxo tamén de manifesto a amizade existente entre o xornalista e outro dos grandes referentes intelectuais da localidade: Valle-Inclán. Unha relación que transcende, pois a institución museística dedicada a este último custodia o fondo documental, bibliográfico e fotográfico de Victoriano depositado pola familia Bermejo Rubio, cuestión á que aludiu a técnica da mencionada sede. Patricia Lojo tamén se referiu á responsabilidade por parte das entidades públicas de impulsar actividades coas que poñer en valor aos seus referentes culturais coma, por exemplo, o Ciclo Victoriano García Martí que impulsa o Concello pobrense durante o outono e que neste 2022 chegará á súa cuarta edición.

Doutra banda, Luis Menéndez relatou que, previamente ao acto de homenaxe que transcorrerá a finais de agosto, se realizaron outros dous: a descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde residiu en Santiago de Compostela, así como unha conferencia no Ateneo de Madrid, do que foi directivo, a cargo da profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra de García Martí. Neste senso, enxalzou a “calidade académica fóra de serie” de Victoriano; unha figura de alta relevancia intelectual que destacou como filósofo, ensaísta, avogado, escritor e prolífico xornalista, recibindo numerosos recoñecementos alén de Galicia, nomeadamente en París e Madrid. Nesta última cidade foi directivo do Ateneo nos tempos de Menéndez Pidal, Conde de Romanones, Azaña e Valle-Inclán. Indicou tamén que foi editor das Obras completas de Rosalía de Castro e autor de numerosos traballos xornalísticos en diarios de España, Francia e Hispanoamérica, ademais de promover o primeiro Congreso de Xornalistas de Galicia celebrado en Santiago, en 1921, e ser discípulo do filósofo francés Henri Bergson.